Saturday 27 de April de 2024

Unha plataforma dixital ofrecerá o produto turístico de Mariñas Coruñesas


• A Reserva e a Asociación de Ecoturismo de España concretaron na pasada FITUR os detalles dunha ferramenta que será “clave” para impulsar o desenvolvemento do sector no territorio

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas dará un paso “crave” para impulsar a comercialización do seu produto turístico. Unha plataforma en liña reunirá os diferentes paquetes e experiencias certificadas para facilitar o acceso ao turista.

Trátase dunha iniciativa que desenvolve a Asociación de Ecoturismo de España, coa que a Reserva coruñesa mantivo un encontro en FITUR con obxecto de concretar o seu lanzamento. E é que Mariñas Coruñesas é destino piloto dentro deste proxecto, xunto con outros 5 territorios da xeografía española, financiado con 499.877 euros do Next Generation.

Á reunión asistiu o presidente da Reserva, José Antonio Santiso, a presidenta do Club de Ecoturismo de España, Ana Chairos, o xerente do Plan de Sustentabilidade Turística, Diego López, e a xerente do Club de Ecoturismo de España, Amanda Guzmán.

A plataforma dixital estará operativa nos próximos meses. “Será un revulsivo na promoción do noso Destino, promovendo a desestacionalización e o aumento dun retorno económico real ás empresas turísticas certificadas”, explica Santiso.

Co espazo, o visitante interesado poderá acceder a experiencias como as presentadas en FITUR: paseos en catamarán eléctrico, roteiros guiados de sendeirismo, degustacións, observación de estrelas, e, en xeral, calquera circuíto, actividade ou paquete que se comercialice, impulsando que chegue a un público maior e con máis facilidades.

Ademais, na cita, Mariñas Coruñesas propuxo a realización dunha formación grupal para as empresas da marca para favorecer a súa entrada na nova ferramenta.